14 de maio de 2014

Comunicado da Mancomunidade de Montes de Pontevedra

A "Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común do Concello de Pontevedra", ante a aparición da plataforma veciñal "Salvemos a Fracha", co obxectivo de paralizar a construción da autoestrada A-57, quere mostrar o total apoio ás súas reivindicacións e solicitar aos membros das xuntas reitoras das comunidades de montes, pertencentes ou non a esta mancomunidade, dos concellos de Vilaboa, Pontevedra e Barro, a asistencia á reunión informativa que convoca a citada plataforma para o vindeiro venres día 16 ás 20:00 na Casa Cultural de Marcón.

No rural do concello de Pontevedra vive máis de 1/3 da súa poboación, desde fai moitas (demasiadas) décadas a calidade de vida dos seus habitantes distánciase cada vez máis da dos seus concidadáns urbanos. 

Os servizos (auga, saneamento, internet, transporte público, etc.) chegan tarde e con deficiencias ou simplemente non chegan, outros como o acceso dos/as rapaces/zas á práctica dalgún deporte, a atención aos/ás maiores, a sanidade, ou o acceso aos bens culturais, bibliotecas ou espectáculos, dependen da posibilidade de desprazamento ao centro urbano en coche particular.

As administracións ven ao rural como un problema polo sobrecusto que conleva achegar os servizos a unha poboación tan diseminada e a desvantaxe do minifundio para un determinado modelo de desenvolvemento que só beneficia ás grandes corporacións. Así, as administracións ven unicamente no rural chan barato para facer infraestruturas que fagan crecer o P.I.B., un crecemento que só beneficia a unha pequena parte da súa poboación e que como vimos nesta crise que padecemos non aporta en moitos casos ningunha riqueza a medio e longo prazo.

Desde a Mancomunidade de Montes de Pontevedra creemos:

1º.- Que a realidade rural e urbana do concello de Pontevedra é unha realidade histórica, xa que desde as súas orixes conviviron as dúas realidades e se potenciaron mutuamente, Pontevedra nunca sería o que foi e é sen esa convivencia e colaboración. Forma parte do noso patrimonio como cidade e debe ser protexido e conservado. 

2º.- A realidade RURurbana (rural + urbana) de Pontevedra é polo seu tamaño, conservación e relevancia histórica a máis importante de Galicia.

3º.- O rural do concello de Pontevedra lonxe de ser un problema de desenvolvemento urbanístico é unha oportunidade única. As virtudes que ofrece o ámbito urbano do concello, e que tan ben se han potenciado nos últimos anos, multiplicaríanse si o levásemos tamén ao ámbito rural. A excelencia con que se tratou o ámbito urbano levado a unha realidade RURurbana daría unha cidade única.

4.- Debemos aprender desta crise a necesidade de medir o crecemento noutros parámetros distintos ao P.I.B. anual, hai que analizar o custo e o crecemento a curto, medio e longo prazo. O minifundio en Galicia supuxo un freo para o seu desenvolvemento logo da Revolución Industrial, durante décadas permaneceu abandonado e ao mesmo tempo preservado, temos un rural non de xornaleiros senón de pequenos propietarios. Paradóxicamente outra revolución esta vez tecnolóxica, a globalización, volve poñer ese rural minifundista dentro do mercado. Fan falta políticas que activen o rural, non que o destrúan.

5º Existe ademais unha débeda histórica cos habitantes do rural que foron obrigados a abandonar as súas casas, as súas terras e os seus costumes en aras dun crecemento e un progreso que nunca lles devolveu o seu esforzo.

A construción desta autopista A-57, que parece pensada para Segovia ou calquera outra cidade castelá, ignora e despreza a realidade rural dos concellos de Barro, Pontevedra e Vilaboa. Curro, Verducido, Santa María de Xeve, San Andrés de Xeve, Mourente, Bora, Marcón, Tomeza, Bértola, Figueirido e Vilaboa verán as súas parroquias divididas en dúas, os seus recursos económicos e naturais seriamente danados, e as súas posibilidades de crecemento hipotecadas para sempre. Todo iso para construír unha autoestrada inútil e innecesaria, que nin dará servizo a estas parroquias nin aos habitantes do núcleo urbano de Pontevedra.

Pontevedra a 12 de maio de 2.014

Xunta reitora da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra


¡¡ SALVEMOS O RURAL !!

¡¡ SALVEMOS A FRACHA !!


¡¡ NON Á A-57 !!

Ningún comentario:

Publicar un comentario