10 de setembro de 2014

A declaración de impacto ambiental da A-57 ignora todas as alegacións dos afectados





A declaración de impacto ambiental da A-57 ignora todas as alegacións dos afectados

Todos os colectivos que alegaron ao proxecto da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón) rexeitan o contido da Declaración de Impacto Ambiental que ven de aprobar a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e que ignora todas as peticións realizadas para a súa consideración. Os afectados xa auguraban que a DIA resultaría favorable ao proxecto, pero lamentan que se teñan ninguneado as súas reclamacións.
Contra este tramo da A-57 alegaron os concellos de Pontevedra e Vilaboa, Vaipolorío, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a asociación Lobo, a plataforma de afectados (agora nomeada Salvemos a Fracha), seis comunidades de usuarios, o Tecor Pontevila e catro particulares. A declaración non ten en conta o contido de ninguna delas.
Á marxe da reacción que poidan ter os dous concellos afectados, Vaipolorío, SGHN, Salvemos a Fracha, a asociación Lobo e as asociación de vecinos e comunidades de montes de Vilaboa e Figueirido uníronse para manifestar o seu malestar porque o proxecto se considere ambientalmente viable a pesar de que os distintos organismo aos que se pediron informes recoñecen o impacto na hidroloxía, a flora, a fauna, o patrimonio e a paisaxe.
Os alegantes denuncian que a Declaración de Impacto Ambiental se publicara no BOE en pleno mes de agosto (saiu publicado o venres 8) e o seu contido aínda non teña sido comunicado de forma oficial a todos os colectivos que se opuxeron ao proxecto. Despois de estudar o seu contido, todos se reafirman na súa postura contraria á construcción da A-57 e piden a retirada do proxecto e, como alternativa, que os 84 millóns de euros orzamentados (á marxe das expropiacións e outros servizos como a vixilancia das obras, xa licitada), se detinen á liberalización da peaxe da AP-9, que si respondería ás necesidades de comunicación entre Vigo e Pontevedra e axilizaría o tráfico de acceso a Pontevedra e Vilaboa.
O Ministerio de Medio Ambiente non cuestiona en ningún momento o proxecto presentado polo Ministerio de Fomento e a única resposta que da ás distintas afeccións expostas é que se van facer estudos e medidas correctoras. Ademais, non ten en conta as argumentacións dos afectados en canto ás anomalías detectadas na tramitación do proxecto. As principais son que se tivera comezado a fase de expropiacións antes da exposición pública e aprobación do Estudo de Impacto Ambiental e que non se someta a estudo ambiental o proxecto na súa integridade e, en concreto, o enlace de Vilaboa no que resulta afectada unha parte do Camiño Portugués a Santiago.
Un dos principais impactos contra os que se alegou na fase de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental é a hidroloxía. A pesares de detallárselle a afección nos cursos fluviais afectados (río Pintos, río Do Pobo, rego Do Barco e río de Bois, dous deles afluentes directos do Gafos que flúe cara Pontevedra, e outros do río Tuimil que cara o sur desemboca na inmediata enseada de San Simón protexida pola Rede Natura 2000), e detallar tamén os numerosísimos pozos e acuíferos explotados para uso particular (regadío e abastecemento doméstico) a maioría deles ignorados no estudo ambiental,  a resposta do Ministerio difire esta importante cuestión limitándose a sinalar que o proxecto construtivo incluirá un estudo completo de concas e dos posibles efectos sobre os puntos de auga identificados.
A Declaración de Impacto Ambiental conta con tres informes de carácter preceptivo que informan a favor do proxecto cos que os colectivos alegantes amosan a súa disconformidade: a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, todas elas da Xunta de Galicia.
Conservación da Natureza estima que este tramo da A-57 é ambientalmente viable, aínda que considera necesario incluir unha serie de prescricións e Augas de Galicia informa de xeito favorable a condición de que se teñan en conta prescricións como analizar a posible afección a captacións de abastecemento humano e considerar a reposición das afeccións que se produzan nas redes de abastecemento e saneamento. Patrimonio ve necesario manter como condicionantes que realice un estudo arqueolóxico específico para o Castro da Farexa/CoutoLoureiro, en especial na súa relación co trazado do Camiño Portugués; un estudo arqueohistórico para a determinación da posible existencia de trazados da Vía XIX.
A DIA non fai referencia a unha afección que todos os colectivos afectados ven no Camiño de Santiago e no Camiño dos Arrieiros e que ven que quedan desprotexidos. Paradoxicamente as distintas Administracións públicas están a facer grandes investimentos para potenciar o Camiño e ignoran que o proxecto da A-57 prexudicará tanto ao trazado da propia ruta xacobea como á paisaxe e deixará notablemente afectado este ben inmaterial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario