16 de xaneiro de 2015

Fomento “despreza” e “ignora” aos veciños afectados pola A-57


A plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' critica a resposta que deu o Minsiterio de Fomento á pregunta presentada no Congreso dos Deputados polo parlamentario de Esquerda Plural Joan Coscubiela en relación coa A-57, a súa utilidade e idoneidade nos tempos actuais. Lamenta que, co seu contido, a ministra, Ana Pastor, está a demostrar que despreza e ignora os veciños afectados por esta nova autovía.

A pesar da oposición veciñal e de que o proxecto está recorrido no xulgado, o Goberno sacou a licitación o primeiro tramo da obra, entre Vilaboa e A Hermida-Marcón. Con esta resposta no Congreso, Fomento demostra que non só despreza os movementos cidadáns, senón que goberna completamente afastado da sociedade e non ten ningún respecto ás peticións realizadas polos veciños de Pontevedra e Vilaboa e os grupos sociais e políticos que se opoñen á autovía.

A resposta de Fomento á pregunta de Esquerda Plural é a seguinte: "En relación coa información solicitada, indícase que o Goberno analiza as necesidades e a rendibilidade tanto económica coma social das súas actuacións para a elaboración da súa planificación a curto, medio e longo prazo. Na devandita análise tamén se teñen en conta tanto a existencia das autoestradas de peaxe coma as disponibilidades presupostarias".

Ante esta resposta, ‘Salvemos a Fracha' pídelle que faga públicos os estudos de necesidades e rendibilidade que elaboraron para seguir adiante co proxecto da A-57 e cales son os argumentos sólidos e serios que encontrou para apoiar unha autovía que terá un prezo final de ao redor de 1.000 millóns de euros e ningunha vantaxe para os veciños da zona pola que pasa.

Os afectados por esta nova autovía reprochan ao Ministerio que asegure que tivo en conta a existencia de autoestradas de peaxe cando, por lóxica, se chega a rematar todo o trazado da A-57, esta restará tráfio á autoestrada AP-9 e fai prever un necesario rescate desta.

A plataforma lamenta que na súa resposta o Ministerio ignorase as alegacións presentadas por distintos colectivos ao Estudo de Impacto Ambiental e que non obtiveron resposta na Declaración de Impacto Ambiental do primeiro tramo aprobada con nocturnidade e aleivosía agosto. Recórdalle, ao respecto, que hai unha grave afección ao Camiño de Santiago no macro nó proxectado en Vilaboa que non se incluíu nese Estudo Ambiental e que constitúe, polo tanto, unha das irregularidades denunciadas no recurso contencioso-administrativo presentado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario