24 de febreiro de 2015

‘Salvemos a Fracha’ debate sobre o impacto social e hidrolóxico da autovía A-57 mentres AGE leva o tema ao Parlamento

A plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' organiza esta semana unha nova actividade do ciclo para debater e informar sobre o proxecto da A-57. Nesta ocasión, a xornada informativa organizada en colaboración co Ateneo de Pontevedra abordará o impacto hidrolóxico que terá a infraestrutura na Serra da Fracha e en toda a súa área de influencia.

A charla, que leva por título ‘Cortar as Correntes. Atentado contra a integridade do rural’, está programada para as 20.00 horas deste mércores 25 de xaneiro na Casa das Campás e conta coa participación do presidente da asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho, e de Arturo Estévez, un dos activistas que loitou contra a construción da autoestrada AP-9 na década dos anos 70 e 80.

Tanto a plataforma veciñal como outros colectivos veciñais e ecoloxistas xa alertaron en anteriores ocasións sobre o gravísimo impacto que terá a A-57 na Serra da Fracha e no rural pontevedrés en xeral. Nesta ocasión, tomará a palabra un dos colectivos que tamén alegou contra o proxecto da controvertida autovía, Vaipolorío. O seu presidente fará un repaso sobre a afección que terá a infraestrutura en acuíferos, ríos e, en xeral, na subministración de auga.

Con esta nova entrega das súas charlas informativas, ‘Salvemos a Fracha’ pretende favorecer entre os cidadáns de Pontevedra o debate arredor do proxecto da A-57 e das numerosos atentados que está a sufrir o rural nos últimos tempos. Arturo Estévez compartirá as súas experiencias durante a loita contra a AP-9 e a maneira na que a través da mobilización social se conseguiu minimizar algú dos impactos previstos a nivel ambiental e na poboación. Ademais, analizará o impacto social que tivo a autoestrada e que teñen en xeral as grandes infraestruturas .

A actividade coincidirá co mesmo día no que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) leva o debate sobre a autovía ao Parlamento de Galicia. Este partido xa amosou o seu rexeitamento ao proxecto e promoverá o debate de todos os grupos políticos representados no Pazo do Hórreo sobre a autovía e, en particular, sobre o seu primeiro tramo, que transcorre entre Vilaboa e A Ermida e actualmente é o único que está en fase de licitación e ten aprobado o informe medioambiental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario