2 de xuño de 2014


‘Salvemos a Fracha’ denuncia que o trazado da A-57 afecta a zonas con especies ameazadas e en perigo de extinción

Pontevedra, 31 de maio de 2014.- A plataforma ‘Salvemos a Fracha’ presentou alegacións ao estudo de impacto ambiental do proxecto da autovía A-57 no seu tramo Vilaboa – A Ermida argumentando diversas anomalías na súa tramitación e, entre outras consideracións, que se verá afectado todo o ecosistema da zona, coas súas numerosas minas de agua, regatos e pequenas agrupacións de carballos que conforman o hábitat ideal de determinados anfibios e plantas que agora se ven en perigo.
Para acreditar ese impacto á fauna e a flora da zona solicitouse a opinión de naturistas colaboradores do ‘Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia’ e a colaboración de Jaime Blanco Dios, membro do ‘Grupo botánico e micolóxico galego Luis Freire’. Destacan a presenza da píntega rabilarga (Chioglossa lusitanica), unha especie endémica que é o anfibio ibérico máis ameazado, e a Succisa pinnafitida, unha das plantas en perigo de extinción da Península Ibérica.
Chioglossa lusitanica é unha especie protexida polo Convenio de Berna, recollida no Real Decreto 439/1990 que regula o catálogo de especies ameazadas en España e está catalogada como vulnerable na Lista Vermella de Especies Ameazadas do Comité Español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Estas píntegas únicamente se localizan no norte de Portugal, Asturias e Galicia e apareceron exemplares nas zonas afectadas pola A-57 no lugar de Pintos, achado que xa foi incorporado na última actualización do 'Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia' da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
Succisa pinnatifida é unha pranta endémica do sur de Galicia e norte de Portugal e está catalogada “en perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007 de 19 de Abril (DOGA de 9 de maio)) e “en risco crítico de extinción” (CR) según as categorías da UICN, tal e como se pode ver no ‘Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España’ (2004), no que se recolle que lle “afectan factores como a degradación do seu hábitat por pisadura, artificialización e creación de novas vías de comunicación”.
Na zona encontrouse outra especie vulnerable, a ra patilonga (Rana iberica), e outros anfibios cuxa presenza podería verse seriamente alterada como son o Limpafontes común (Lissotriton boscai), o Limpafontes verde (Triturus marmoratus) e a Ra verde (Pelophylax perezi). Así como insectos protexidos como o cervo voador (Cervus lucanus), o gran capricornio (Cerambyx cerdo), o escarabello rinoceronte europeo (Oryctes nasicornis) e o Carabo galego (Carabus galicianus). Esta última está catalogada como Vulnerábel VU B1 ab(iii)+2ab(iii)c(iii) e todos eles asociados están ás carballeiras e en grave perigo de extinción.
O estudo de impacto ambiental do proxecto presentado polo Ministerio de Fomento, e  ao que presentou as súas alegacións 'Salvemos a Fracha', recoñece que “entre as especies identificadas destaca a presenza da píntega rabilarga”, pero mantén que “dado que os cauces interceptados á cota na que nos atopamos, son temporais, os hábitas existentes non parecen que sexan propicios para albergar poboacións notables desta especie”. Os especialistas consultados pola plataforma non comparten esta última afirmación.
Dende a plataforma denúnciase que a soa presenza destes pequenos habitantes sería motivo máis que suficiente para buscar outras posibles alternativas (como se fixo noutras ocasións), a un proxecto que tanto dano pode causar ao monte pontevedrés. A supresión de minas e a variación do hábitat poderían facer desaparecer estas especies endémicas ás que deberiamos de protexer como o que é: especies únicas no planeta.
Ademais, ‘Salvemos a Fracha’ considera a A-57 unha vía inútil porque o tramo inicial que agora pretende facerse entre A Ermida e Vilaboa non permite comunicar as catro parroquias que atravesa (Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido); e non é útil para os veciños do casco urbano, que terían que desprazarse sete quilómetros pola N-550 para collela no enlace de Vilaboa. Sosteñen, ademais, que afectados somos todos porque vai custar 84 millóns só neste tramo e sen contar coas expropiacións, ao que hai que sumar necesariamente outros dous trame os aínda máis custosos para comunicar Vilaboa con Curro, que xa están comunicados abondo, unha inversión que sería máis útil para os pontevedreses se se destinase á liberalización da peaxe da AP-9.

Adxuntamos a listaxe completa de especies localizadas durante unha saída de campo realizada por colaboradores do ‘Atlas dos Anfibios de Galicia’ para dar conta dos Anfibios que habitan as numerosas fontes, mananciais e bocaminas do lugar.
- Chioglossa lusitanica (Saramaganta) --- Catalogada como: Vulnerable VU A2c
- Salamandra salamandra (Píntega común) --- Catalogada como: Case amenazada NT
- Lissotriton boscai (Limpafontes común)
- Triturus marmoratus (Limpafontes verde)
- Rana iberica (Ra patilonga) --- Catalogada como: Vulnerable VU A2ce
- Pelophylax perezi (Ra verde)
- Podarcis bocagei (Lagartixa galega)

En catalogacións anteriores tamén se ten citado:
- Malpolon monspessulanus (Cobregón)
- Anguis fragilis (Escáncer común)
- Coronella girondica (Cobra lagarteira meridional)
- Rhinechis scalaris (Serpe riscada)
- Bufo bufo (Sapo común)
- Discoglossus galganoi (Sapiño pinto)
- Podarcis hispanica (Lagartixa dos penedos)

Ademais, hai catalogados algúns mamíferos como:
- Vulpes vulpes (Raposo)
- Meles meles (Teixugo)
- Genetta genetta (algaría)
- Martes foina (Garduña)
- Sus scrofa (Porco bravo)
- Capreolus capreolus (Corzo)
- Mustela erminea (Armiño)
- Mustela novalis (Donicela)
- Erinaceus europaeus (Ourizo cacho)
- Talpa occidentalis (Toupa cega)
- Sciurus vulgaris (Esquío)
- Rattus rattus (Rata cincenta)
- Rattus norvegicus (Rata común)
- Oryctolagus cuniculus (Coello bravo)
- Apodemus sylvaticus (Rato do campo)
- Microtus lusitanicus (Corta dos prados)
- Microtus agrestes (Trilladeira dos prados)
- Crocidura russula (Furaño común)

Despois de inspeccionar un bosque de carballos sobreviventes da vaga de lumes do ano 2006, catalógase os insectos seguintes en grave perigo de extinción:
- Lucanus cervus (Vacaloura)-- Catalogada como: Vulnerable
- Cerambyx cerdo (Gran capricornio)-- Catalogada como: Vulnerable
- Carabus galicianus (Carabo galego)-- Catalogada como: Vulnerable VU B1 ab(iii)+2ab(iii)c(iii), escarabello coa máxima protección dos que hai en Galicia


Ningún comentario:

Publicar un comentario