19 de xuño de 2014




Pontevedra, 19 de xuño de 2014.- A plataforma ‘Salvemos a Fracha’ leva hoxe xoves unha representación das hortas que se poden atopar polo rural de Pontevedra ata a praza da Peregrina. A acción forma parte da campaña informativa que está a facer o colectivo para explicar aos pontevedreses o impacto severo que ten o proxecto da autovía da A-57 na zona pola que transcorre o trazado nos municipios de Pontevedra e Vilaboa.
Veciños das parroquias afectadas situaranse na Praza da Peregrina entre as 17.00 e as 20.00 horas cunha representación das súas hortas e explicarán como vai influír nelas a autovía e, en especial, a afectación severa da A-57 na hidroloxía da zona.
O trazado leva por diante acuíferos e minas dos que depende o abastecemento de auga de varios lugares das parroquias afectadas, tanto os de consumo humano como os empregados nos regadíos e tamén se verán afectados regatos e dous afluentes do río Gafos.
Aínda que o Ministerio de Fomento repoña as traídas de abastecemento de auga das vivendas, non haberá posibilidade de repoñer os mananciais nin as minas das que depende a supervivencia dos ecosistemas da zona, de especies de fauna e flora e das hortas e fincas de cultivo. Ante esta nova situación, será imposible que continúen as actividades de pequena agricultura e gandaría, así como da agricultura de subsistencia que está a proliferar no rural de Pontevedra dende o inicio da crise económica.
A A-57 suporá asfaltar o rural de Pontevedra e Vilaboa e mentres nos últimos tempos proliferan iniciativas públicas e particulares para instalar hortas urbanas, as parroquias perderán as súas hortas tradicionais.
‘Salvemos a Fracha’ ve nesta actuación un atentado contra o rural e o monte de Pontevedra e unha agresión ao modo de vida tradicional, pois, ademais, o trazado resulta agresivo para a propia coformación dos núcleos de poboación polos que pasa, xa que suporá construír 'taludes' de ata 60 metros de alto (que equivale a un edificio de 17 pisos) ao lado das propias vivendas, dividindo en dous lugares que ata agora convivían como unha única unidade e illando parte dos veciños.


A plataforma reclama hoxe xoves na Praza da Peregrina que se salve o rural pontevedrés e aproveitará para recoller sinaturas contra o proxecto da A-57 e entregar folletos explicativos do por que do seu rexeitamento a esta autovía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario