11 de setembro de 2014

Os colectivos que alegaron contra a A-57 lamentan que se teñan "ninguneado" as súas reclamacións

Vaipolorío, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a asociación Lobo, aplataforma Salvemos a Fracha e as asociacións de vecinos e comunidades de montes de Vilaboa e Figueirido lamentan que a Secretaría de Estado de Medio Ambiente teña "ninguneado" todas as súas reclamacións cando alegaron contra o primeiro tramo do proxecto da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón).

Son todos os colectivos que alegaron ao proxecto da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón) no periodo de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental e decidiron unirse para manifestar o seu rexeitamento conxunto ao contido da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable aprobada pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente sobre oproxecto do Ministerio de Fomento e que ignora todas as peticións realizadas para a súa consideración.
Denuncian que a Declaración de Impacto Ambiental se publicara no BOE en pleno mes de agosto (saiu publicado o venres 8) e o seu contido aínda non teña sido comunicado de forma oficial a todos os colectivos que se opuxeron ao proxecto.
Despois de estudar o seu contido, todos se reafirman na súa postura contraria á construcción da A-57 e piden a retirada do proxecto e, como alternativa, que os 84 millóns de euros orzamentados (á marxe das expropiacións e outros servizos como a vixilancia das obras, xa licitada), se destinen á liberalización da peaxe da AP-9, que si respondería ás necesidades de comunicación entre Vigo e Pontevedra e axilizaría o tráfico de acceso a Pontevedra e Vilaboa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario