11 de setembro de 2014


SLOW





 A palabra inglesa “ slow”  significa “lento”. Todos e todas oímos falar da “ slow dance (baile lento e dicir agarrados), do slowfood en contraposición a fastfood, slowfashion e, algúns de nós inventamos ou practicamos o slowmail, nun intento, as veces frustrado, de desacelerar e tomarse o tempo de vivir e deixar vivir.


 A nosa cidade é un exemplo de slow, un slow de 30 que demostra que máis vale perder cinco minutos na vida que perder a vida en cinco minutos. Rescatouse un casco agonizante, abriuse a cidade a parques e paseos; gústanos Pontevedra peonil, festeira, limpa e culta. Unha cidade modélica en moitos aspectos, premiada unha e outra vez, moderna, atractiva; abreviando unha cidade da que nos sentimos orgullosos e orgullosas.

 Isto responde por suposto a un deseño claro dun equipo que tivo que tomar decisións valentes, intelixentes, con acertos e posiblemente algún erro, contra vento e marea e a quen temos moito que agradecer. 


Pero hai máis: Pontevedra é río, mar, monte, rural e diversidade; un lugar onde teñen cabida moitas  formas de entender e camiñar pola vida. Nese mar, nese monte , nese rural e sen saber nomealo ( podería ser slow life por que non), os ritmos son diferentes, nin mellores nin peores, diferentes. 



Seica o traballo é máis duro e algo desprezado ou simplemente ignorado por xente que quixo esquecer que as nais e os abos viviron ou sobreviviron grazas ao seu empeño e sacrificio. Pero as raíces quedan e outra xente queda; a que elixe e resiste, a que defende; a que respecta e ama a súa terra, a que recolle os seus froitos e conserva tradicións. 


Unha xente que coñece o nome de cada rocha do monte, que pasea sen falar de sendeirismo, esa que limpa as fontes, restaura un muíño ou comparte tarefas. Son persoas que recollen plantas en San Xoán, miman aos seus cabalos , en resumo que viven con  normalidade e cos pés na terra.

 Séntense orgullosos de ser pontevedreses, iso si do seu lugar. Porque o lugar é o que é. Percorremos xuntos cada un deles, agora preocupados polo que nos cae enriba; como unha praga. Un corredor de 6 kms, rompedor, devastador. Se cadra un capricho dunha señora, moi pontevedresa ela. Quedarán as rochas sen nomes, as fontes sen auga e unha ferida imposible de pechar. 

Entón, non queda outra: rebelarse contra un monumento á inutilidade, á insensatez, á barbarie. E gañaremos a batalla pois nin asfalto, nin velocidade, nin túneles poderán convencernos, porque sabemos ben o que queremos, conscientes de que salvar un monte é o futuro dos nosos, é progreso.
Ten a cidade de Pontevedra a oportunidade de ser única: con río, con mar, con monte e con rural.
O dito, unha cidade única, pero para iso terá que salvar A FRACHA.





                                                               Consuelo Vercher

Ningún comentario:

Publicar un comentario