13 de decembro de 2014

‘Salvemos a Fracha’ comeza unha cuestación popular para sufragar a batalla xudicial contra a A-57

A plataforma ‘Salvemos a Fracha’ comezou este sábado unha cuestación popular na rúa para recaudar fondos cos que poder sufragar a batalla xudicial que está a piques de comezar contra o proxecto da autovía A-57. O avogado do colectivo está a ultimar xa o recurso a presentar contra esta nova obra do Ministerio de Fomento e formalizarase nos xulgados en datas próximas.
Os gastos derivados de levar esta infraestrutura á vía Contencioso-Administrativa resultan elevados e a plataforma veciñal pide aportacións da cidadanía para poder facerlles fronte. Os integrantes de ‘Salvemos  a Fracha’ recollen donativos anónimos de todos os cidadáns que así o desexen e dende esta semana teñen á venda ‘bonos solidarios’ por un valor de cinco euros.
Os ‘bonos solidarios’ inclúen o texto: “colaboro con Salvemos a Fracha para a paralización da A-57”. A cambio dunha aportación de cinco euros, os cidadáns reciben un documento que acredita que están a participar na loita contra a autovía. Con esta aportación permiten que se poidan pagar as taxas xudiciais e facer fronte a outros gastos como os servizos dun avogado ou un procurador.
Os integrantes da plataforma deron a coñecer nas últimas semanas esta iniciativa aos veciños das zonas máis afectadas polo proxecto e este sábado comezouse o reparto dos mesmos aproveitando o acto público realizado na praza da Peregrina para informar sobre o impacto da autovía A-57 no rural de Vilaboa e A Ermida.
Integrantes da plataforma realizaron unha demostración de cestería coa que pretenden transmitir á cidadanía algunha das costumes e tradicións que poden ter os días contados se segue adiante esta infraestrutura, pois os cestos realízanse de xeito artesán con follato de millo e as hortas e pequenas plantacións perigan co grave impacto na hidroloxía da zona que pode ter a obra.
Ademais, informaron aos cidadáns a través de paneis informativos sobre o impacto que terá a obra na serra da Fracha tanto a nivel paisaxístico como medioambiental e sobre a verdadeira natureza da autovía unha falsa circunvalación. Véndese aos pontevedreses como a solución ás comunicacións da capital cando para poder acceder a ela terán que desprazarse ata Vilaboa ou A Ermida e non poderán entrar nin saír ao longo dos seis quilómetros de trazado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario