14 de abril de 2015

Ana Pastor e Lores irmándanse para mentir e sacar rédito electoral da autovía A-57

A plataforma veciñal Salvemos a Fracha le con estupor as declaracións da ministra de Fomento, Ana Pastor, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o seu novo apoio político á vista de que concordan nas políticas de infraestruturas. O anuncio de que as obras da autovía A-57 comezarán no verán é oportunista e responde a un interese por sacar rédito electoral no que coinciden a ministra do PP e o alcalde do BNG.


Para conseguir ese rendemento electoral Ana Pastor e Lores non dubidan en mentir aos cidadáns insistindo en que a A-57 é unha circunvalación para Pontevedra cando todos os técnicos consultados por Salvemos a Fracha negan que cumpra as condicións para funcionar como circunvalación e os propios redactores do proxecto de Fomento se refiren a esta infraestrutura como “corredor”.

Tanto o Ministerio de Fomento, promotor da obra, como o Concello de Pontevedra ignoran aos afectados pola autovía e néganse a manter unha reunión con eles. Volvemos recordarlle que queremos manter ese encontro e que no transcurso do mesmo os nosos técnicos poderían aclararlles conceptos que parece que non teñen claros. Saberán cal é a diferencia entre circunvalación e corredor norte-sur que non comunica a Pontevedra? A A-57 é unha falsa circunvalación., é un corredor norte-sur.

A plataforma veciñal non pretende politizar a loita para parar o proxecto da autovía A-57, pero ante o uso electoralista que lle están a dar Ana Pastor e Lores vese obrigada a denunciar que neste proxecto non se moven para responder aos intereses dos cidadáns senón ao seus para intentar gañar votos enganando aos electores. 

Lores só presume dos premios que recibe o centro urbano de Pontevedra e esquécese do rural mentres que Ana Pastor reproduce as políticas do progreso mal entendido que priorizan o asfalto en épocas de recortes en servizos públicos como sanidade ou educación.

Salvemos a Fracha, respaldada pola opinión de técnicos, ecoloxistas e intelectuais do eido social e político, insiste na petición de que o Ministerio de Fomento repense a autovía A-57 e pide que non apure os trámites para poder arañar uns poucos votos cando o proxecto foi denunciado na Audiencia Nacional e está pendente de que se resolva a petición de paralización cautelar das obras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario