30 de abril de 2015

'Salvemos a Fracha' entrega 20.000 sinaturas ao Ministerio de Fomento para pedir que se paralice a autovía A-57

A plataforma vecinal 'Salvemos a Fracha' entregou hoxe 20.000 sinaturas ao Ministerio de Fomento para pedir que paralice o proxecto para construír a autovía A-57. Os apoios recolléronos tanto a través dunha petición na plataforma dixital Change.org como en persoa nos distintos actos reivindicativos organizados polo colectivo.

Con estas sinaturas pretenden demostrar que a este proxecto non só se opón un grupo de veciños, senón unha plataforma que conta co apoio de colectivos sociais, ecoloxistas, culturais... e co respaldo de miles de cidadáns de Pontevedra, Galicia e España, que apoian e defenden as razóns esgrimidas e piden a paralización do proxecto.

As sinaturas van dirixidas á ministra de Fomento, a pontevedresa Ana Pastor, e entregáronse por rexistro na delegación territorial do Ministerio en Pontevedra acompañadas por unha carta na que 'Salvemos a Fracha' recorda a Ana Pastor que os afectados "seguimos demandando ser recibidos polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello ou por vostede mesma como responsable do Ministerio de Fomento".

O colectivo reitera á ministra o seu convite a pasear pola serra da Fracha para que coñeza mellor este canto de Pontevedra que agora está en perigo e que é lugar de esparexemento habitual de miles de persoas e pídenlle que "como cidadáns temos dereito a ser escoitados e recibidos ou, polo menos, ter unha resposta ás nosas demandas".

A carta insiste en que o colectivo leva un ano opoñéndose ao proxecto da autovía A-57, defendendo o monte pontevedrés do que considera que será unha ameaza grave para o ámbito natural da Fracha e transmitindo que esta infraestrutura non é a circunvalación de Pontevedra que moitos políticos se empeñan en vender, non o é por razóns de lóxica (en atención ao seu trazado) e tamén por razóns técnicas. De feito, os propios técnicos do informe do Ministerio de Fomento refírense a esta autovía como corredor norte-sur A-57 e nunca como circunvalación.

Ao longo deste ano, as alegacións que presentaron 'Salvemos a Fracha' e outros colectivos afectados pola A-57 non foron tidas en conta e presentouse un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario