21 de novembro de 2014

Axudádenos na nosa loita asinando esta petición en Change.org

A ministra de Fomento, veciña de Pontevedra, quere regalarlle á súa provincia unha autovía de 64 quilómetros que custará máis de 1.000 millóns de euros. Trátase da A-57, que se nos vende como a alternativa gratuíta á autoestrada AP-9.

O que non nos din é o custo social e ambiental que terá a construción desta autoestrada. Dividirá en dous pobos como o de Pintos, en Marcón, onde os veciños se encontrarán con noiros de ata 60 metros -o equivalente a un edificio de 17 pisos- que lle impedirán comunicarse coa casa situada xusto en fronte. E destruiranse decenas de traídas de auga e acuíferos usados polos cidadáns tanto para consumo domésticos como para as súas hortas e labores agrícolas.

Esta nova obra provocará ademais un grave impacto ambiental e paisaxístico na Serra da Fracha, un monte con vistas realmente únicas ás Rías Baixas e con especies protexidas como a píntega rabilarga (Chioglossa lusitánica), o anfibio ibérico máis ameazado, e a Succisa pinnafitida, planta incluída no catálogo de especies en perigo de extinción a nivel peninsular.

Tampouco nos din que a AP-9, a autoestrada á que substitúe a nova A-57, leva seis anos perdendo tráfico. Co que corremos o perigo de que haxa que rescatala con diñeiro público como xa pasou en máis dunha ocasión, como por exemplo as radiais de Madrid, que custaron aos contribuíntes 4.500 millóns de euros.

Non podemos permitir que se malgaste o diñeiro público deste xeito mentres se recorta en Educación e Sanidade. Asina esta petición e axúdanos a parar a construción deste capricho político.

Ningún comentario:

Publicar un comentario