10 de abril de 2015

Salvemos a Fracha colabora con Anedia nunha convivencia familiar e unha andaina polo monte ameazado pola A-57



O mirador da Fracha / Anedia Galicia
A deportista Susana Ruíz Mostazo impartirá este sábado 11 de abril unha charla-coloquio en Pontevedra sobre o dobre reto de facer montañismo tendo diabete dende os 11 anos. Compartirá as súas experiencias escalando o Himalaya ou desprazándose polos glaciares de Groenlandia para transmitir de que maneira os límites na práctica deportiva en grandes altitudes os pon un mesmo e non a enfermidade.
A actividade, organizada pola asociación de nenos e nenascon diabete de Galicia (ANEDIA), está programada para as 11.00 horas na Casa das Campás e ten como finalidade trasladar á sociedade en xeral e aos nenos/as con diabete en particular que a súa enfermidade non supón un impedimento para poder cumprir os seus soños e facer fronte aos retos que se marquen.
A charla-coloquio forma parte dun completo programa de actividades que na mañá do sábado incluirá, ás 10.30 horas, a reunión do xurado do concurso escolar de debuxo titulado Diabete e Deporte organizado en colaboración coa Concellería de Educación e Deporte do Concello de Pontevedra no que participaron ao longo das últimas semanas alumnos e alumnas dos colexios de educación Infantil e Primaria de Pontevedra.
Xa ao mediodía, ao remate da intervención de Susana Ruíz, dará comezo unha convivencia familiar ao aire libre na Serra da Fracha. A partir das 13.30 horas as actividades desprazaranse á area recreativa do Outeiro Navío, onde está previsto que se realice un ‘picnic’ colectivo en contacto coa natureza. A partir das 16.00 horas, realizarase a III Rota de Sendeirismo de Anedia, que nesta ocasión conta co asesoramento da plataforma Salvemos a Fracha.
O atleta con diabete Diego Castro guiará aos participantes nunha rota de aproximadamente dúas horas e media de duración e que ten dificultade media. Persoas coñecedoras da zona compartirán cos camiñantes as singularidades desta Serra, a única que ten o Concello de Pontevedra, e as distintas lendas e historias do lugar. A primeira metade adentrarase por sendeiros e camiños de terra e a segunda subirá ao miradoiro da Fracha, onde se pode gozar de impresionantes vistas das rías de Pontevedra e Vigo.
O deseño circular da ruta permite que se realice enteira ou só a metade. No medio do percorrido farase unha parada para tomar un refrixerio e realizar os controis de glicosa necesarios e, ao remate, volverase á mesma área recreativa de partida para participar nunha merenda e en xogos populares.
Quedades convidados!

Ningún comentario:

Publicar un comentario