Historias do lugar

OS HORIZONTES QUE SE BORRAN NON SE VOLTAN A RECUPERAR




   Escoito, na radio, falar de “A Banca” e de “Os Mercados”; obsesionanme as mesmas preguntas: Non teñen nome “A Banca” ? e “Os Mercados”, non teñen apelidos? Rescates  a “A Banca”, a “A Autopista” ! E quen é esa Prima que sube e baixa, se eu sigo traballando igual ou máis que sempre, porque formo parte dunha porcentaxe - en descenso- de persoas que teñen traballo? Sigo, como tantos, pagando impostos e cumprindo relixiosamente coas miñas obrigas. E que pasa con “ Os Índices” e con “A Bolsa”?  Todo con maiúsculas para non ofender a ninguén! 

   O caso é que tamén se fala de “O Rural”. “O Rural” como dun ente abstracto, bucólico pastoril. A diferenza das anteditas denominacións das cales non nos aclaran de “quen veñen sendo”, este, si , ten nomes e apelidos, e moito máis; chámase Pili, Rosa, Francisco, Salva, chámase Cachicabra, Pintos, Ermida, Tomeza, Bértola, Cachupeiro, Carballa…; é toponimias, sinais de identidade, é moito máis que unha idea romántica: é vida. Aquí, preto de Pontevedra, chamámolo Monte da Fracha. Aquí, ten nomes e apelidos e sigue cara a diante a pesar de todo; cada día máis desprezado, cada día máis relegado (non vou aquí estenderme sobre a deplorable situación do rural galego).  Este monte foise convertendo nun “ marco incomparable”  de beleza case “ exótica”, ledicia dos camiñantes e/ou deportistas, un lugar de lecer, expresións todas elas encantadoras, pero claramente insuficientes. Hai algo máis. Hoxe, o Rural anda revolto, síntese violentado, agredido e ferido de morte por un capricho electoralista seica ególatra ou non se sabe moi ben por qué.

   O caso é que un monumento á inutilidade, desastroso para todo becho vivente, incluídas ás persoas, vaise erixir: un corredor de cemento e asfalto con trincheiras de ata 60 metros que vai estragar fontes, minas de auga, hortas, camiños con historia dende Vilaboa ata A Ermida. Queren partir en dous o monte pontevedrés, estragalo, secalo, cementalo, asfaltalo cravando para sempre unha estaca de incalculables consecuencias.

É común ouvir persoas, tan falta de sensibilidade como de coñecemento, falar de infraestruturas, instalacións incómodas ou esteticamente pouco afortunadas e dicir “que o leven po monte, que alí non amola” (será que os do rural somos máis brutos?), pero dende aquí e agora, quero apelar á sensatez e á reflexión: qué rural queremos? Ou seica non queremos rural ? Que monte queremos? Ou seica non queremos monte?

   Entendo que a cidadanía pouco informada e aparentemente nada afectada por ese trazado, non opine ou nos castigue coa súa indiferenza pero aproveito este espazo para facer un chamamento á cordura, ao sentido común: pagaremos entre todos e todas esta barbaridade con impostos, rescatando autopistas e outros sen sentidos, pero, e sobre todo, o peor quedará para sempre: a mala consciencia (ou mesmo a tristeza) de non ter defendido un patrimonio de incalculable valor: o futuro da nosa xente. No nome do progreso, desbotemos ese corredor innecesario. Sabémolo, hai alternativas e se alguén ten aquí os pés na terra, somos nós, “os e as do rural”; as persoas, que estamos, traballamos e gozamos dunha forma de vivir tan lexítima como calquera outra.


Consu.








MUIÑEIRA DE PINTOS



   A veces, de tanto velo un non percibe a grandeza do que ten cerca de cotío, precisamente por iso, porque está moi perto. Pero cando alguén ven de lonxe, descubre algo diferente e único.

   Esto lle pasou a un amigo. Chegou dende Madrid (Meco) fai algún anos xa, en pouco tempo, namorouse da Fracha, dos seus sendeiros, os seus aromas e por enriba de todo das súas vistas. Resultaba ser unha nova paixase para os seus ollos inda cheos de curiosidade adolescente.

   Novas sensacións e experiencias que para un rapaz extremadamente tímido pero cheo dunha sensibilidade musical intensa, non podían ser expresadas doutra maneira. En poucas horas, na soidade da súa habitación en Pintos, plena ladeira da Fracha, compuxo unha muiñeira. Un peza nada familiar para un castelán, pero este madrileño dominaba xa os seus dezasete anos unha lenguaxe universal, a música.


   Sergio foise coas súas sensacións e experiencias e volta de cando en vez para revivilas, pero a nós deixounos un gran regalo, algo que nos pode axudar a comprender a grandeza das pequenas cousas que temos a carón das nosas casas… A Muiñeira de Pintos, que con grande xenerosidade e agarimo nos volveu a regalar A SALVEMOS A FRACHA para o seu uso na loita contra a destrucción da nosa paisaxe. Esa que tanto o engaiolou.

   Gracias Sergio.

Video youtube.


Cruz Villaverde.








NEPTUNO GARDANDO AS AUGAS DA FRACHA

Anque a serra da Fracha ten os seus seres míticos xenuinos, asi como unha ampla e rica toponimia; a presenza casuall, cambiante e caprichosa dunha nube, pódenos suxerir o busto de un rexio Neptuno gardando as augas da Fracha, como a imaxinación dunha tal Maria Xosé quixo suscitar nesta imaxe fotográfica.
A non desexada Autovía A-57 resga, fende, emporca, esnaquiza o bastidor que soporta a estampa paisaxística que é a serra da Fracha.
Ministerio de Fomento, Consellería de Ordenación do Territorio e Medioambiente rexeitan as alegacións medioambientais e paisaxísticas que presentaron en tempo e forma diversos colectivos sociais de Pontevedra e Vilaboa.
Dentro do que é a INTEGRACIÓN DE LA EVALUACIÓN AMBIENTAL DEL PROYECTO VILABOA – A ERMIDA. AUTOVÍA A 57. PROVINCIA DE PONTEVEDRA. Existe o punto 5.3.3.3.2. relativo a Evaluación da calidade escénica da paisaxe. Os redactores do proxecto recurren a un método elaborado no ano 1980 por o U.S.D.A. Forest Service e o Bureu of Land Magnagement (B.L.M) de Estados Unidos.
Nas súas conclusións e en aplicación ao método U.S.A., din literalmente: “La mezcla de un entramado urbano y antropizado con la sucesión de lomas repobladas, rodales de vegetación y parcelas de cultivo hacen que el escenario de estudio tenga un valor estético moderado”.
U.S.A.: ¿Qué saberán eles de Coto Loureiro, Castro Farexa, Mámoa de San Román, o conxunto de Muiños do Rego do Barco (Quén dera o 0,001 deste orzamento para recuperalos). ¿Cómo lle chaman eles ao Sanguiño, a herba dos pitos,  os paxariños herba e os paxariños que cantan e boan en liberdade , non a liberdade alegórica e estatuaria?. ¿Cómo poden eles emocionarse coa mera contemplación da Fracha?. ¿Qué sentirán o peregrinos que veñan polo camiño portugués e contemplen o monstro de cemento? ¿Noxo ou espiritualidade?.  Digo eu con interregoación retórica. Descoñezo si o método de U.S.A. fala de tallar árbores para impedir incendios (George Bush, prensa nacional do 23-08-2002).
Podemos aprender moitísimas cousas dos estadounidenses, de feito en física, química, menciña, literatura, etc., son internacionalmente recoñecidos; pero que non veñan a decirnos a nos o que vale a Fracha, o que sentimos con solo mirala. Se acaso tiñan que  aprendar do seu paisano Upton Sinclair quen deixou dito: “As terras pertecen a seus donos, a paisaxe só é de quen sabe apreciala”.
Non desexo eu ver  a Fracha coa súa serpe de cemento. Se non pode evitalo Neptuno, a ver si Xupiter tonante manda o seu raio e destrúe esta idea absurda, cabezuda; inservible para darnos servizo a os pontevedreses.
De facerse a A-57 alguén sacaría tallada. Virían aquí, comerían marisco, non entenderían nunca esa burrafa que se instala nos lombos da fracha, para retirarse polo alén. Algo hai nese nevoeiro que non é névoa que   diría Alvaro Cunqueiro.  Eles voltarían cara a meseta coas alforxas ben cargadas. Deixarían unha placa cos nomes dos responsables da devastación, da ruina montium. Tamén os romanos deixaban columnas  con inscripcións das súas egrexias victorias (cantas veces xenocidios).
As desfeitas non expiran nunca. O tempo e a historia fan xuizos paralelos. Ahí quedaría a placa conmemorativa recordando os nomes dos responsables da irrecuperable brutalidade medioambiental, económica e paisaxística. 
Gonzalo Sancho Blanco

1 comentario: