25 de xuño de 2015

‘Salvemos a Fracha’ aborda a transformación medioambiental e patrimonial que vai supoñer a autovía A-57



A plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' segue a promover accións públicas e reivindicativas dentro da súa campaña informativa sobre o proxecto da autovía A-57 e, máis concretamente, o seu primeiro tramo entre Vilaboa e A Ermida, que ven de ser adxudicado á empresa San José. A súa última actuación é unha xornada informativa aberta a todos os cidadáns coa que se pretende favorecer o debate arredor desta vía e a transformación irreversible que vai implicar en todos os puntos do seu trazado.
A xornada informativa, que leva por título ‘Transformación medioambiental e patrimonial do territorio’, está programada para as 20.00
horas deste xoves 25 de xuño na Casa das Campás e conta coa participación do enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo, o especialista en Xeografía Manuel Fortes e o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xulio Pardellas.
Os tres especialistas achegaranse ao proxecto da A-57 e analizarán a non necesidade do vial e o alto custo que vai ter a nivel ambiental, patrimonial e socioeconómico. Se o Ministerio de Fomento segue adiante con esta autovía, suporá desfacer o entorno natural da serra da Fracha e alterar o estilo de vida do rural, todo a cambio, ademáis, dun elevado 'despilfarro' de fondos públicos nun proxecto faraónico sen ningún beneficio para Pontevedra e a súa contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario