A declaración de
impacto ambiental da A-57 ignora todas as alegacións dos afectados
Todos os
colectivos que alegaron ao proxecto da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida
(Marcón) rexeitan o contido da Declaración de Impacto Ambiental que ven de
aprobar a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e que ignora todas as
peticións realizadas para a súa consideración. Os afectados xa auguraban que a
DIA resultaría favorable ao proxecto, pero lamentan que se teñan ninguneado as
súas reclamacións.
Contra este tramo da A-57 alegaron os
concellos de Pontevedra e Vilaboa, Vaipolorío, a Sociedade Galega de Historia
Natural (SGHN), a asociación Lobo, a plataforma de afectados (agora nomeada
Salvemos a Fracha), seis comunidades de usuarios, o Tecor Pontevila e catro
particulares. A declaración non ten en conta o contido de ninguna delas.
Á marxe da reacción que poidan ter os
dous concellos afectados, Vaipolorío, SGHN, Salvemos a Fracha, a asociación
Lobo e as asociación de vecinos e comunidades de montes de Vilaboa e Figueirido
uníronse para manifestar o seu malestar porque o proxecto se considere
ambientalmente viable a pesar de que os distintos organismo aos que se pediron
informes recoñecen o impacto na hidroloxía, a flora, a fauna, o patrimonio e a
paisaxe.
Os alegantes denuncian que a Declaración
de Impacto Ambiental se publicara no BOE en pleno mes de agosto (saiu publicado
o venres 8) e o seu contido aínda non teña sido comunicado de forma oficial a
todos os colectivos que se opuxeron ao proxecto. Despois de estudar o seu
contido, todos se reafirman na súa postura contraria á construcción da A-57 e
piden a retirada do proxecto e, como alternativa, que os 84 millóns de euros
orzamentados (á marxe das expropiacións e outros servizos como a vixilancia das
obras, xa licitada), se detinen á liberalización da peaxe da AP-9, que si
respondería ás necesidades de comunicación entre Vigo e Pontevedra e axilizaría
o tráfico de acceso a Pontevedra e Vilaboa.
O Ministerio de Medio Ambiente non
cuestiona en ningún momento o proxecto presentado polo Ministerio de Fomento e
a única resposta que da ás distintas afeccións expostas é que se van facer
estudos e medidas correctoras. Ademais, non ten en conta as argumentacións dos
afectados en canto ás anomalías detectadas na tramitación do proxecto. As
principais son que se tivera comezado a fase de expropiacións antes da
exposición pública e aprobación do Estudo de Impacto Ambiental e que non se
someta a estudo ambiental o proxecto na súa integridade e, en concreto, o
enlace de Vilaboa no que resulta afectada unha parte do Camiño Portugués a
Santiago.
Un dos principais impactos contra os que
se alegou na fase de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental é a
hidroloxía. A pesares de detallárselle a afección nos cursos fluviais afectados
(río Pintos, río Do Pobo, rego Do Barco e río de Bois, dous deles afluentes
directos do Gafos que flúe cara Pontevedra, e outros do río Tuimil que cara o
sur desemboca na inmediata enseada de San Simón protexida pola Rede Natura
2000), e detallar tamén os numerosísimos pozos e acuíferos explotados para uso
particular (regadío e abastecemento doméstico) a maioría deles ignorados no
estudo ambiental, a resposta do
Ministerio difire esta importante cuestión limitándose a sinalar que o proxecto
construtivo incluirá un estudo completo de concas e dos posibles efectos sobre
os puntos de auga identificados.
A Declaración de Impacto Ambiental conta
con tres informes de carácter preceptivo que informan a favor do proxecto cos
que os colectivos alegantes amosan a súa disconformidade: a Dirección Xeral de
Conservación da Natureza, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural, todas elas da Xunta de Galicia.
Conservación da Natureza estima que este
tramo da A-57 é ambientalmente viable, aínda que considera necesario incluir
unha serie de prescricións e Augas de Galicia informa de xeito favorable a
condición de que se teñan en conta prescricións como analizar a posible
afección a captacións de abastecemento humano e considerar a reposición das
afeccións que se produzan nas redes de abastecemento e saneamento. Patrimonio
ve necesario manter como condicionantes que realice un estudo arqueolóxico
específico para o Castro da Farexa/CoutoLoureiro, en especial na súa relación
co trazado do Camiño Portugués; un estudo arqueohistórico para a determinación
da posible existencia de trazados da Vía XIX.
A DIA non fai referencia a unha afección
que todos os colectivos afectados ven no Camiño de Santiago e no Camiño dos
Arrieiros e que ven que quedan desprotexidos. Paradoxicamente as distintas
Administracións públicas están a facer grandes investimentos para potenciar o
Camiño e ignoran que o proxecto da A-57 prexudicará tanto ao trazado da propia ruta
xacobea como á paisaxe e deixará notablemente afectado este ben inmaterial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario