‘Salvemos a Fracha’ reclama dende a súa constitución no mes de abril que o proxecto de Fomento para construír a autovía A-57 é un despifarro innecesario de 84 millóns no tramo de 6,2 quilómetros que se está a tramitar na actualidade entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), segundo o seu proxecto de licitación. A maiores, cabe aclarar que ese orzamento para a nova autovía non inclúe o custe da expropiación nin o enlace de Villaboa, e que a A-57 acadaría un coste de 1.000 millóns nos 64 quilómetros do trazado completo, que, segundo está concibido o proxecto, sería necesario executar na súa totalidade dada a continuidade en tramos consecutivos sen ir a ningures, ate o Confurco en Ponteareas (enlace coa A-52).
Fronte a este ‘sinsentido’, Salvemos a Fracha propón que se liberalice a autopista AP-9 como eixo vertebrador do territorio e como verdadeira estrada de circunvalación na cidade de Pontevedra polo oeste, resolvendo o tráfico do leste mediante unha rolda que teña en conta o entramado das poboacións periurbannas e o seu medio rural.
Optar por liberalizar a autopista é a opción máis sensata nos tempos que corren, nos que as Administracións públicas recortan en servizos básicos como a sanidade ou a educación mentres se ven obrigadas a rescatar autopistas e autovías por falta de uso. O exemplo máis recente atopámolo hoxe mesmo, co anuncio de que a Xunta de Galicia terá que inxectar 4,7 millóns máis ás empresas que explotan as autovías do Barbanza (AG-11) e O Salnés (AG-41) para evitar a súa quebra e un rescate que suporía o desembolso de 127 millóns.
Pouco falta para que esta situación afecte á autopista AP-9, pois asistimos a un descenso constante do número de usuarios e un aumento imparable dos prezos, que supoñen unha carga xa insoportable para os traballadores que usan o vial a diario. Nos oito primeiros meses do ano, segundo información recollidas nos medios, circularon pola AP-9 unha media de 6.200 vehículos menos que no ano 2008 (26.827) mentres a peaxe subiu unha media do 28 %.
No tramo entre Pontevedra e Vigo, parte dos vehículos optan por ir por Vilaboa pola estrada N-550 para evitar parte do prezo da peaxe. A A-57 –mal chamada “circunvalación” de Pontevedra– incrementaría ese intenso tráfico pola estrada nacional xa que terían que ir dende o casco urbano ata o “enlace” de Vilaboa para utilizala. Resulta un verdadeiro disparate.
Ningún comentario:
Publicar un comentario