SLOW
A palabra inglesa “ slow” significa “lento”. Todos e todas oímos falar
da “ slow dance (baile lento e dicir agarrados), do slowfood en contraposición
a fastfood, slowfashion e, algúns de nós inventamos ou practicamos o slowmail,
nun intento, as veces frustrado, de desacelerar e tomarse o tempo de vivir e
deixar vivir.
A nosa cidade é un exemplo de slow, un slow de 30 que demostra
que máis vale perder cinco minutos na vida que perder a vida en cinco minutos.
Rescatouse un casco agonizante, abriuse a cidade a parques e paseos; gústanos
Pontevedra peonil, festeira, limpa e culta. Unha cidade modélica en moitos
aspectos, premiada unha e outra vez, moderna, atractiva; abreviando unha cidade
da que nos sentimos orgullosos e orgullosas.
Isto responde por suposto a un
deseño claro dun equipo que tivo que tomar decisións valentes, intelixentes,
con acertos e posiblemente algún erro, contra vento e marea e a quen temos
moito que agradecer.
Pero hai máis: Pontevedra é río, mar, monte, rural e
diversidade; un lugar onde teñen cabida moitas
formas de entender e camiñar pola vida. Nese mar, nese monte , nese
rural e sen saber nomealo ( podería ser slow life por que non), os ritmos son
diferentes, nin mellores nin peores, diferentes.
Seica o traballo é máis duro e
algo desprezado ou simplemente ignorado por xente que quixo esquecer que as
nais e os abos viviron ou sobreviviron grazas ao seu empeño e sacrificio. Pero
as raíces quedan e outra xente queda; a que elixe e resiste, a que defende; a
que respecta e ama a súa terra, a que recolle os seus froitos e conserva
tradicións.
Unha xente que coñece o nome de cada rocha do monte, que pasea sen
falar de sendeirismo, esa que limpa as fontes, restaura un muíño ou comparte
tarefas. Son persoas que recollen plantas en San Xoán, miman aos seus cabalos ,
en resumo que viven con normalidade e
cos pés na terra.
Séntense orgullosos de ser pontevedreses, iso si do seu
lugar. Porque o lugar é o que é. Percorremos xuntos cada un deles, agora
preocupados polo que nos cae enriba; como unha praga. Un corredor de 6 kms,
rompedor, devastador. Se cadra un capricho dunha señora, moi pontevedresa ela.
Quedarán as rochas sen nomes, as fontes sen auga e unha ferida imposible de
pechar.
Entón, non queda outra: rebelarse contra un monumento á inutilidade, á
insensatez, á barbarie. E gañaremos a batalla pois nin asfalto, nin velocidade,
nin túneles poderán convencernos, porque sabemos ben o que queremos,
conscientes de que salvar un monte é o futuro dos nosos, é progreso.
Ten a cidade de Pontevedra a oportunidade de
ser única: con río, con mar, con monte e con rural.
O dito, unha cidade única, pero para iso terá
que salvar A FRACHA.
Consuelo
Vercher
Ningún comentario:
Publicar un comentario