9 de novembro de 2014

250 persoas toman a Fracha para dicir Non á A-57


Arredor de 250 persoas a pé e en bicicleta responderon este domingo á chamada realizada pola plataforma 'Salvemos a Fracha' e o colectivo Masa Crítica para ‘tomar A Fracha’ contra o proxecto da autovía A-57 que está a promover o Ministerio de Fomento e que, no seu primeiro tramo, leva por diante o monte da Fracha en terreos dos concellos de Pontevedra e Vilaboa. "Esta serra pola que acabamos de camiñar e pedalear hoxe deixaría de existir tal e como a coñecemos", denuncian.
Unha andaina e unha marcha BTT percorreron a partir das 10.00 horas da mañá os montes afectados polo trazado do primeiro tramo da A-57  para chamar a atención sobre o impacto que terá esta infraestrutura no ámbito e nos usos sociais que lle dan os cidadáns. Entre os participantes había integrantes de distintos colectivos pontevedreses como Vaipolorío, a asociación Monte Pituco, Masa Crítica, Greenpeace ou UPyD e persoas chegadas dende distintos puntos de Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Extremadura.
Os participantes que ían a pé e os que fixeron a ruta en bicicleta realizaron distintos percorridos, pero ambos os dous comezaron a remataron no lugar de Pintos, na parroquia de Marcón, nun dos puntos máis afectados polo trazado proxectado para a A-57. O punto de saída e reunión quedará partido en dous por un ‘talud’ de 60 metros de alto e 100 de ancho. Alí están ubicados na actualidade os depósitos que nutren de agua varias decenas de casas e que van quedar arrasados pola autovía.
Ambas as dúas rutas fixeron un percorrido circular e prolongáronse durante tres horas, confluindo no Alto da Fracha, un mirador natural sobre as rías de Pontevedra e Vigo. Nese punto os participantes deixaron depositada unha bandeira verde coa que se busca concienciar aos numerosos pontevedres que o frecuentan de que en caso de que o proxecto siga adiante, o asfalto e o formigón partirán en dous a Serra da Fracha e ameazarán especies de fauna e flora únicas e en perigo de estinción. 
Xa de regreso, os participantes degustaron unha castañada, café, chocolate e refrescos, cos que repuxeron forzas mentres tocaba un grupo de gaitieiros e unha veciña de Marcón, Bibiana Piñeiro, leu un manifestó reivindicativo no que denunciaron que a A-57 "é un despilfarro de cartos públicos cando o realmente útil sería liberalizar a AP-9. Sería máis beneficioso para todos e ademáis evitaría un desastre medioambiental".

Ningún comentario:

Publicar un comentario