15 de febreiro de 2015

'Salvemos a Fracha' dubida da fiabilidade dos informes de Fomento sobre as previsións de tráfico da futura A-57


A plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' pide ao Ministerio de Fomento que lle faga chegar os estudos de tráfico que realizou coa previsión de vehículos diarios que usarán a autovía A-57 se algún día chega a construírse. O colectivo amosa as súas dúbidas sobre a fiabilidade dos informes actualizados dos que bota man a Administración estatal, que prevén que circulen por esta nova vía un total de 33.000 coches ao día.

‘Salvemos a Fracha’ pregunta ao Ministerio en que datos se basean para falar desas previsións e tamén cal é o estudo no que sustentan que se reducirá o tráfico na estrada nacional N-550. Esta afirmación parece máis propia do “conto da leiteira” ca dun estudo serio realizado por unha Administración pública e, ademais, contradí as conclusións dun informe realizado por un técnico independente para a plataforma.

Este estudo aportouse ao recurso contencioso-administrativo que se presentou nas últimas semanas contra o proxecto da A-57 e fala dun previsible aumento do tráfico na N-550 se chega a construírse o primeiro tramo da autovía, o que transcorre entre Vilaboa e A Ermida, que ata agora é o único que está licitado e conta con orzamento do Goberno estatal.

O colectivo veciñal quere aclarar que os seus obxectivos seguen a ser a defensa da Serra da Fracha, do xeito de vida rural, da sustentabilidade como principio que debe rexer a política a todos os niveis e do medio ambiente, de maneira que non se integra na loita que manteñen aberta outros colectivos pontevedreses contra a construción dunha planta de compostaxe na parroquia da Canicouva.

‘Salvemos a Fracha’ amosa o seu rexeitamento a que esta planta desfaga a Serra da Fracha e coincide co resto de colectivos nas críticas á falta de diálogo da que fai gala o Goberno local de Pontevedra na súa relación cos movementos sociais e cos veciños do rural. Nos últimos días mantivo unha reunión con outras asociacións para o coñecemento mutuo das causas polas que se manteñen en loita e coincide en que non parece idóneo situar a planta de compostaxe no lugar elixido cando hai outros máis axeitados coma un polígono industrial, pero non pasou a formar ningunha plataforma conxunta contra o proxecto da Canicouva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario